|
| L |
M |
Mi |
J |
V |
S |
D |
| |
|
1 | 2 | 3 | 4 | 5 |
| 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 |
| 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 |
| 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 |
| 27 | 28 | 29 | 30 | 31 | |
|
| |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
 |
 |
|
| » ASEMBLEAS XERAIS ORDINARIA E EXTRAORDINARIA |
O sábado día 23 de febreiro, ás 18,00 horas, a Coral “De Ruada” celebrará a súa Asemblea Xeral Ordinaria anual, tal como prescriben os vixentes Estatutos. A reunión terá lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense (edificio Simeón). Teñen dereito de asistencia á Asemblea tódolos coralistas e membros da actual Xunta de Goberno non coralistas. No transcurso da mesma, analizaranse diversos aspectos do funcionamento da Coral ao longo do ano 2012 (actividades realizadas, repertorio, ensaios, actuacións, actividades culturais, etc.), así como a previsión de actividades de cara ó ano 2013. Ao remate da Asemblea Xeral Ordinaria, comezará unha Asemblea Xeral Extraordinaria que terá por obxecto a celebración de eleccións para a renovación da Xunta de Goberno, dado que a actual, presidida por Eladio Quevedo Almoina, foi elixida en febreiro do ano 2010 e, tal como prescriben os vixentes Estatutos, debe ser renovada no presente ano para outro período de tres anos. Segundo os Estatutos mencionados, tódolos coralistas teñen dereito a voto e, á súa vez, todos poden ser elixidos para formar parte da Xunta de Goberno. Como ven sendo tradicional, ó rematar a Asemblea os coralistas e as súas familias reuniranse nunha cea de confraternidade. A cea terá lugar no Restaurante “Aixiña” a partir das 21,30 horas. |
| Enviado por coralderuada o 20 de Febreiro do 2013 ás 18:06 | 0 Comentarios |
|
 |
| » BASES DO IV PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO (2013) |
PREMIO XABIER PRADO “LAMEIRO” BASES A Coral De Ruada organiza e patrocina o Premio Xabier Prado “Lameiro”, de periodicidade anual, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do Teatro Principal. Con este premio preténdese premiar, de xeito simbólico, o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folclore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas. O Premio Xabier Prado “Lameiro”, de periodicidade anual, terá carácter de recoñecemento público e, polo tanto, materializarase nun elemento simbólico entregado á persoa ou colectivo premiado. Non leva engadido, por tanto, ningún beneficio económico. O premio consistirá nunha peza artística elaborada por un creador ou creadora de Galicia. Calquera persoa -coralista ou non-, entidade ou colectivo poderá facer chegar á Xunta de Goberno da Coral De Ruada, mediante correo electrónico (info@coralderuada.com) ou correo ordinario (Coral De Ruada; Rúa da Paz, 9; 32005 Ourense), propostas de candidaturas para cada edición do premio, xuntando, con cada unha, memoria na que se detallen os méritos da persoa ou colectivo que se propoñen como candidatos ao Premio. A Xunta de Goberno da Coral De Ruada comprométese a facerlles chegar aos membros do xurado elixido cada ano toda a documentación recibida. O prazo para a recepción de solicitudes abrangue dende o 15 de febreiro até o 15 de xuño de 2013, ámbolos dous inclusive. O acto de entrega do premio, que se anunciará do modo máis axeitado, farase preferentemente arredor do 5 de outubro de cada ano -aniversario da reunión fundacional do Coro De Ruada que tivo lugar na “Villa Joaquina” da avenida de Zamora, na capital ourensá- e como homenaxe aos seus fundadores na figura de Xabier Prado “Lameiro”. Serán os membros do xurado, seleccionado para cada convocatoria pola Xunta de Goberno da Coral De Ruada, os encargados de propoñeren e votaren as candidaturas e decidiren con total soberanía a persoa, entidade ou colectivo merecente do galardón. O xurado estará constituído do xeito seguinte: o presidente e un secretario -con voz e sen voto, neste segundo caso- designados pola Xunta de Goberno da Coral De Ruada de entre os seus membros, e catro vogais designados pola Xunta de Goberno da Coral De Ruada. A Xunta de Goberno da Coral De Ruada, que actuará como organizadora deste Premio, comprométese a respectar e cumprir as decisións do xurado. As bases do premio publicaranse nun apartado específico da páxina web da Coral De Ruada (www.coralderuada.com).
|
| Enviado por coralderuada o 15 de Febreiro do 2013 ás 14:23 | 0 Comentarios |
|
 |
| » PROGRAMACIÓN DE NADAL 2012 E REIS 2013 |
28 de decembro de 2012 ás 20,30 horas CONCERTO DE NADAL NA CATEDRAL DE OURENSE3 de xaneiro de 2013 ás 19,45 horas CONCERTO DE REIS NA IGREXA DE SANTIAGO DAS CALDAS (A PONTE) O concerto de Nadal na Catedral de Ourense e o de Reis na Igrexa de Santiago das Caldas constitúen dous dos principais concertos anuais da Coral De Ruada ao longo do ano, xa que conseguen congregar a un gran número dos seus seguidores que adoitan encher o primeiro templo ourensán e a igrexa do barrio da Ponte. Xunto co Belén de Arturo Baltar, este concerto na Catedral é o principal referente das celebracións do Nadal ourensán. Debe terse en conta que a Coral ven ofrecendo este concerto dende o ano 1991, é dicir, vinteún anos ininterrompidos. Como xa ocorrera en anos anteriores, o noso director artístico, Xoán Antón Vázquez Casas quere que, xunto a pezas clásicas da polifonía universal, De Ruada ofreza fermosos cantos de nadal compostos, adaptados ou harmonizados por músicos e letristas ourensáns moi vinculados, na súa maioría, á Coral De Ruada. Así poderemos escoitar as panxoliñas populares “Falade ben baixo” (estrea, con harmonización do noso director) ou “Cantémoslle ó Neno” (que estrea nova versión do noso director para varias voces). Tamén cantos harmonizados, como “Tres Reis Magos”, do cóengo ourensán Camilo Andrade Rodicio (estrea); “Non era o tempo da frol” do ourensán Padre Manuel Feijóo Sousa e letra de Cipriano Torre Enciso; “Da miña aldea” baseado nun canto de Nadal popular recollido por Daniel González e arranxado polo noso director; “Nesta Navidade” de Raúl Rodríguez Pazo, discípulo de Antonio Jaunsarás Sanmiguel, con letra do poeta Víctor Campio; “A Belén Pastores” (Oratorio “Elías” ) de F. Mendelssohn, adaptada polo que foi director da Coral durante nove anos Juan José Rumbao Requejo, outro dos discípulos de A. Jaunsarás; “Noite de Nadal” do que foi durante moitos anos director do Orfeón Unión Orensana e gran amigo de De Ruada Gerardo Salgado Valdés, con letra de G. Calvo e Abelardo Santorum, gran poeta ourensán inxustamente esquecido; “Nosa Señora” unha panxoliña popular harmonizada por Juan José Rumbao Requejo; “Nun probe portal” de Manuel de Dios Martínez, tamén discípulo de A. Jaunsarás e un dos grandes directores da Coral De Ruada, á que dirixiu durante máis de trinta anos, con letra de Serafín Gómez Pato; “Nova luz” de Xoán Antón Vázquez Casas, o noso actual director, con letra do poeta e deán da Catedral de Ourense Serafín Marqués Gil. Naturalmente, non podían faltar as dúas panxoliñas máis emblemáticas do repertorio de De Ruada: “A Belén vinde pastores” e “Vinde ver ó Neno”, ámbalas dúas populares e harmonizadas polo músico navarro, ex director de De Ruada, organista da Catedral e profesor de Música do Seminario de Ourense, Antonio Jaunsarás Sanmiguel, mestre, como queda reflectido nas liñas anteriores, de moitos dos mellores músicos ourensáns. Como novidade, este ano a nosa organista, Irma Fernández Alonso, interpretará no órgano da Catedral, recentemente restaurado, a fermosa obra In dir ist Freude (En ti está la alegría) (J.S. Bach, BWV 615), nun intermedio do concerto. Os concertos contan co patrocinio da Concellería de Cultura, Festas e Festival de Cine do Concello de Ourense e coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, do Cabido da Catedral de Ourense e da Parroquia de Santiago das Caldas. |
| Enviado por coralderuada o 19 de Decembro do 2012 ás 21:32 | 0 Comentarios |
|
 |
| » ACTO DE ENTREGA DO III PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO |
Ás 20,00 horas do venres, día 9 de novembro de 2012, no Paraninfo do IES “Otero Pedrayo”, terá lugar a cerimonia de entrega do III PREMIO XABIER PRADO “LAMEIRO” ao Coro Galego Histórico Cántigas da Terra da Coruña “polo traballo que ó longo de 96 anos leva realizado no campo da investigación, conservación e divulgación do noso folclore tradicional, non só a través do canto coral, senón tamén por medio de tódalas demais manifestacións etnográficas que o acompañan, como son a danza, os grupos instrumentais, as súas vestimentas, as escolas, etc..”, segundo acordou por unanimidade o xurado. Ademais da cerimonia de entrega do premio, durante o acto ofreceranse as actuacións seguintes: - Representación dunha fermosa peza teatral nun acto, dividida en catro escenas, de Xabier Prado “Lameiro” titulada “Tratos”. Trátase, como deixou escrito o seu autor no libro “Monifates”, dun “Xoguete cómico nun auto e en prosa escrito en lengua gallega”. Nesta ocasión vai ser posta en escena polo grupo de teatro afeccionado Plataforma Independente de Teatro de Amoeiro (PITA), dirixido por César Francisco González Fernández.
- A Coral De Ruada pechará o acto coas cantigas: Foliada de Amoeiro, Pandeirada de Ares, Foliada de Arnoia, A cinta de namorare e Ourense ao lonxe, co que se porá o punto final a esta velada de exaltación da nosa cultura popular.
A entrada ao recinto é libre até completar o aforo. |
| Enviado por coralderuada o 07 de Novembro do 2012 ás 14:10 | 0 Comentarios |
|
 |
| » FALLO DO III PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO |
O mércores, día 10 de outubro de 2012, reuniuse o xurado nomeado pola Coral De Ruada para estudar as candidaturas á terceira edición do PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO, co que se pretende, segundo contemplan as súas bases, “…premiar, de xeito simbólico, o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folclore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas.” O xurado estaba formado por: Presidente: Eladio Quevedo Almoina (Presidente da Coral De Ruada). Secretario: Manuel Souto Prieto (Secretario Xeral da Coral De Ruada, con voz pero sen voto). Vogais: Samuel Lago Fernández (Vicepresidente segundo da Coral De Ruada); Maribel Outeiriño Rodríguez (Xornalista do diario “La Región” de Ourense). Luís Martínez-Risco Daviña (Catedrático de Historia do I.E.S Ramón Otero Pedrayo e historiador). Manuel García de Buciños (Escultor, membro da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario). O xurado acordou, por unanimidade:Conceder o PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO, organizado pola Coral De Ruada de Ourense, na súa terceira edición, correspondente ó ano 2012, ao Coro Galego Histórico Cántigas da Terra da Coruña polo traballo que ó longo de 96 anos levan realizando no campo da investigación, conservación e divulgación do noso folclore tradicional, non só a través do canto coral, senón tamén por medio de tódalas demais manifestacións etnográficas que o acompañan, como son a danza, os grupos instrumentais, as súas vestimentas, as escolas, etc. Os méritos que atesoura a traxectoria de Cántigas da Terra, non se cinguen soamente ao inxente traballo que durante estes case cen anos ten realizado no campo da recolla, conservación, interpretación e divulgación do noso folclore (que xa de por si merecería un recoñecemento explícito), senón que, ademais, sempre foi -e segue a ser na actualidade- elemento aglutinador dos Coros Galegos Históricos, como o demostra o feito de convocalos cada ano ao “Ciclo de Coros Históricos Cántigas da Terra” que está a celebrar a súa oitava edición. O inxente labor de Cántigas da Terra constitúe, polo tanto, un exemplo de traballo e de compromiso coa cultura popular galega e o PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO, con este galardón, non fai, senón, recoñecer a coherente traxectoria que o colectivo ten mantido neste campo ó longo de toda a súa longa traxectoria. |
| Enviado por coralderuada o 25 de Outubro do 2012 ás 15:45 | 0 Comentarios |
|
 |
|
|