Coral de Ruada
Menú
90 Aniversario
Certame Internacional de Coros de Ruada
Premio Xabier Prado Lameiro
Concertos
«Outubro  2017»
L M Mi J V S D
            1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031         
Pódese dicir que a CORAL DE RUADA foi unha das primeiras formacións musicais galegas en achegarse ó mundo da gravación, xa que gravou as súas primeiras cantigas en 1929 coa casa Regal (o primeiro coro galego que gravou as súas cantigas foi o xa desaparecido “Aires da Terra” de Pontevedra que gravou 22 cantigas coa compañía “La Cie The Gramophon and Typewriter et Sociétés Filiales”, delegación francesa da compañía inglesa do mesmo nome, en 1904). Eran aqueles discos chamados “de pedra”, “de lousa”, ou, como o seu propio editor indica, “eléctricos”. Dende entón foron moitas as cantigas e discos (singles, LP, casetes, CD e mesmo vídeo) gravados pola CORAL DE RUADA en solitario e na compaña doutros grupos corais e instrumentais. O último traballo gravado enteiramente pola CORAL data de 2005 e titúlase “Sempre De Ruada” (en CD). Finalmente, en 2006 a casa Ouvirmos realizou unha coidada reedición dos primeiros discos de DE RUADA (1929 e 1950), o que supón un importante documento histórico, xa que eses discos estaban practicamente desaparecidos e os poucos que había eran de difícil reproducción.

Neste estudio, polo tanto, ofrecemos unha relación cronolóxica da discografía da CORAL DE RUADA. No relato das gravacións dos primeiros anos pode haber erros e ausencias, dada a dificultade de recuperar a estas alturas estes discos ou as súas referencias. Pouco a pouco, coa colaboración de todos, iremos perfeccionando esta relación.

GRAVACIÓNS HISTÓRICAS (I)

Abrangue a etapa 1929-1954. Esta etapa caracterízase por unha gran número de discos publicados, se ben, moitos deles (a meirande parte dos publicados no período 1931-1954) corresponden a reedicións dos editados en 1929. Nesta etapa a dirección corresponde a Daniel González.

   1929

   1931-1954

GRAVACIÓNS HISTÓRICAS (II)

Daniel González deixou a dirección da CORAL DE RUADA en 1945, facéndose cargo da mesma Isolino Canal que, deste xeito, converteuse no segundo director da CORAL ó longo da súa historia. En 1947 volve Daniel González, cesando Isolino Canal. En outubro de 1952 Daniel González deixaría definitivamente a CORAL, sendo de novo substituído por Isolino Canal que permanecerá á fronte de DE RUADA ata outubro de 1955. Inmediatamente faise cargo da dirección da CORAL Antonio Jaunsarás pero dimitiu en decembro do mesmo ano. A primeiros de 1956 accede á dirección Manuel de Dios, que permanecerá na mesma -con algunhas interrupcións- ata 1990.
Neste segundo capítulo da historia da discografía da CORAL DE RUADA tratarei o período 1954-1959, en que se editaron e saíron ó mercado os discos gravados (con anterioridade a outubro de 1955, naturalmente) baixo a dirección de Isolino Canal.
Neste período, como se pode apreciar, tamén se reeditan cantigas gravadas anteriormente pola CORAL baixo a dirección de Daniel González.
Inclúense gravacións realizadas polo baixo cantante, solista da CORAL DE RUADA, Jaime Montes, acompañado ó piano por Antonio Jaunsarás San Miguel e tamén dous discos gravados por Faustino Santalices, acompañándose de zanfona.
Convén sinalar que, con posterioridade a 1959, editáronse discos con gravacións correspondentes á etapa que vimos de chamar “histórica” (1929-1959), que serán incluídos en próximos capítulos. Tamén cómpre indicar que no ano 1959 editáronse as primeiras gravacións (serán tratadas en próximas entregas) baixo a dirección de Manuel de Dios.

   1954-1956

   1956-1957

   1959

DIRECCIÓN DE MANUEL DE DIOS (I): "Así canta Galicia"

Como indicaba no capítulo anterior, Manuel de Dios accede á dirección da CORAL DE RUADA a primeiros de 1956. En 1964 deixa a Coral e sucédeno na dirección o seu irmán Álvaro de Díos, José Dacal, José Pascual e Bruno Fuentes. Regresará en 1969 e permanecerá na dirección de DE RUADA ata finais de 1990. Foron moitos os discos gravados (e reeditados) durante a súa dirección, polo que serán tratados en dous capítulos. Comezarei coa etapa 1959-1973, co subtítulo “Así canta Galicia”, porque a gravación deste disco marca dun xeito importante todo este período.

   1959

   1961-1963

   1964

   1966

   1968-1973

DIRECCIÓN DE MANUEL DE DIOS (II): "Canciones de Galicia"

No ano 1974 aparecen outros dous discos co nome de “Canciones de Galicia” que, como xa pasara con “Así canta Galicia”, tiveron unha grande repercusión, por iso subtítulo deste xeito este capítulo.
Aínda que nun segundo plano, a presencia de Álvaro de Dios foi importante na vida da CORAL, tanto como axudante do seu irmán como asumindo a dirección nas ausencias de este. No ano 1974 aparece o primeiro disco onde comparten dirección os irmáns de Dios, Manuel e Álvaro.
Neste capítulo relátase a discografía comprendida entre 1974 e 1990, cando Manuel de Díos abandona definitivamente a CORAL DE RUADA, se ben inclúese un disco recompilatorio de 1993 porque contén cantigas gravadas durante este período.

   1974-1975

   1977

   1980-1984

   1989

   1990-1993

DIRECCIÓN DE XOSÉ MARÍA GONZÁLEZ ÁLVAREZ

A Manuel de Díos -que, como xa se indicou anteriormente, abandona a CORAL a finais de 1990- sucédeo Javier Jurado Luque a principios de 1991, permanecendo na dirección ata 1993. Nese mesmo ano toma o relevo Xosé María González Álvarez, que dirixirá a DE RUADA ata mediados de 2000.
No período de Javier Jurado non se realizou ningunha gravación, pero si na etapa de Xosé María González Álvarez.

   1995-2000

DIRECCIÓN DE JUÁN JOSÉ RUMBAO REQUEJO

Como xa se indicou, Xosé María González abandonou a CORAL DE RUADA a mediados de 2000 e accedeu á dirección Juan José Rumbao Quequejo, que é o actual director.
En realidade, poderíase dicir que Juan José Rumbao regresa, xa que estivo como segundo director e director do coro infantil nos anos oitenta, nos que incluso viaxou coa CORAL DE RUADA a Lorient.

   2003-2005

   2006

   2008

 © Coral de Ruada | 16-10-2017 | 1 usuarios activos   | Confidencialidade ACV Galaica