Coral de Ruada
Menú
90 Aniversario
Certame Internacional de Coros de Ruada
Premio Xabier Prado Lameiro
Concertos
«Decembro  2017»
L M Mi J V S D
        123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
             
Volta á normalidade de ensaios e xeiras por tódolos pobos, vilas e cidades de Galicia.

1969-1970
Unha vez finalizados os actos do 50º Aniversario e pasado o verán de 1969, volve á dirección da CORAL DE RUADA Manuel de Dios.

1971-72
En decembro de 1971 elíxese nova Xunta de Goberno, que será presidida por José Fernández Borrajo.
O dato máis salientable deste período é a creación dos “Amigos da CORAL DE RUADA”, ós que, sen ser socios, se lles ofrecería un concerto anual. Esta figura creouse en reunión da Xunta de Goberno de 17 de decembro de 1971, nada máis tomar posesión do seu cargo o novo presidente, ante as crecentes dificultades de tipo económico en que se vía sumida a CORAL DE RUADA para levar a cabo as súas actividades.
Tamén neste período –xuño de 1972- comezan a celebrarse as Romarías en Oseira.

1973-74
En abril de 1973, nova viaxe a Madrid e actuación no “Teatro da Zarzuela” para render homenaxe á familia ourensá Barreiros. Esta actuación tivo un grande éxito e foi loada na prensa por varios escritores e periodistas, entre eles o musicólogo ourensán Antonio Fernández Cid. O día seguinte foron recibidos polos Príncipes de España, D. Juan Carlos e Dª. Sofía nos Pazo da Zarzuela, sendo acompañados polo Gobernador Civil de Ourense, Daniel Regalado Aznar; o Presidente da Deputación de Ourense, David Ferrer Garrido; o Alcalde de Ourense, Ricardo Martín Esperanza; o Presidente do Centro Galego de Madrid, xeneral Constantino Lobo Montero e o Presidente da Peña Ourensana de Madrid, Eugenio López López “Genín”.

1975
Actuación nocturna no Mosteiro de Oseira nunha xuntanza do Ministro de Educación, Cruz Martínez Esteruelas, coas autoridades ourensanas.
O éxito da actuación en Oseira foi tal que o Ministro de Educación convidou á CORAL DE RUADA a participar nos actos de clusura dos Cursos de Verán da Universidade Hispanoamericana de Santa María da Rábida (Huelva). Este acto tivo lugar na Aula Magna da Universidade Hispanoamericana ás 11 da noite do 14de agosto de 1975.

1976
Álvaro seguía axudando ó seu irmán Manuel nas labores de dirección da CORAL DE RUADA. E é Álvaro o que ten a idea, a principios de 1976, de fundar un coro infantil e así se fai, debutando en abril dese mesmo ano no concerto que a CORAL DE RUADA ofreceu ós “Amigos”. O coro infantil foi dirixido, entre outros, polo que se convertería en director da C a partir do ano 2000.

1977-79
Continúan as actuacións pola xeografía galega.

1980
Nova viaxe a Vila Real (Portugal).

1981
Primeira participación no Festival Intercéltico de Lorient, o que supón a primeira viaxe a Francia. Neste festival participan grupos musicais e de danzas de Escocia, Gales, Cornouailles, Illa de Man, Irlanda, Bretaña, Galicia, Asturias... A CORAL DE RUADA ofreceu, entre os días 7 a 17 de agosto, concertos en Chapiteau des Expositións, Parc Mustair, Jardins Ferry, Cabaret, Palais des Congrés, Saint Malo e Carnaz, ademais de participar en desfiles polas rúas de Lorient.
Nova viaxe a Portugal, concretamente a Oporto.

1982
Segunda xeira americana da CORAL DE RUADA. Nesta ocasión a Venezuela. A expedición ourensá estaba integrada polos membros da CORAL DE RUADA (50 coralistas, o director Manuel de Dios e o presidente José Fernández Borrajo), o presidente e secretario da Deputación Provincial (Victoriño Núñez e Benito González, respectivamente), o alcalde de Xinzo de Limia e deputado provincial Isaac Vila e o periodista Alfredo Vara, que faría de presentador da CORAL DE RUADA nos concertos realizados.
A embaixada cultural ourensá saíu de Barajas o día 1 de abril e chegou ó día seguinte ó aeroporto de Maiquetia. Inmediatamente se trasladaron á “Hermandad Gallega de Caracas” onde foron calurosamente recibidos por varios centos de galegos, un grupo de gaiteiros dirixidos polo único supervivente dos míticos Gaiteiros de Soutelo, Víctor Cachafeiro, e o presidente da institución Manuel Ramos López. O primeiro concerto celebrouse no Salón de Actos da “Hermandad Gallega de Caracas”, onde as 400 butacas foron claramente insuficientes para o público asistente, tendo que permanecer a pé incluso no vestíbulo do local. A CORAL de Ruada dedicou o “Alalá de Sóutelo” a Víctor Cachafeiro, o que arrincou prolongados aplausos e moitas bágoas de emoción. Ó día seguinte a CORAL DE RUADA trasladouse ás instalacións que a “Hermandad Gallega de Caracas” posúe en Villa Fresco, a 20 km da capital. Alí tivo lugar unha romaría para máis de 5.000 persoas que escoitaron emocionadas as cantigas ofrecidas pola CORAL. Unha representación da CORAL participou no programa radiofónico “Sempre en Galiza”, que a propia “Hermamdad” realiza en Radiodifusora Venezolana. A CORAL DE RUADA actuou no programa que a cantante venezolana Nachy Azevedo presenta na canle cinco da televisión estatal. Entre cantiga e cantiga entrevistou ó director Manuel De Dios. O día 6 o coro “Aires Galegos” da “Hermandad Gallega de Caracas” ofreceu unha cea de amizade. O día 7 nova actuación na asociación “Amigos de Santiago” diante de centos de persoas. A expedición viaxa o día 8 ata Maracay para actuar no salón de actos do Centro Hispano Venezolano que estaba abarrotado de xente desexosa de escoitar á CORAL DE RUADA. O día 9 emprenden viaxe de regreso, chegando a Ourense á tardiña do día 10.
O resumo pode ser: a segunda xeira americana da CORAL DE RUADA foi un éxito enorme.

1983
Nova actuación en Vila Real (Portugal).

1984
A Deputación de Ourense concede á CORAL DE RUADA a Medalla de Ouro da Provincia.
Segunda participación no Festival Intercéltico de Lorient entre os días 4 e 10 de agosto. O día 4 participou nun festival televisado en directo pola terceira canle da TV francesa. O día 6 actuación de música popular no Chapiteau, con destacada actuación do grupo musical. O día 7 actuación no asilo de anciáns da localidade. O día 8 concerto central na Igrexa de Saint Louis. O día 10 novo concerto de música popular nunha céntrica praza da localidade habilitada para concertos. Ademais participou en desfiles polas rúas de Lorient. Un novo éxito que engadir á historia da CORAL DE RUADA.

1985
Nova viaxe a Barcelona.

1986
Terceira xeira Sudamericana. A CORAL DE RUADA foi convidada pola Deputación Provincial, como parte da embaixada cultural ourensá a terras americanas co celebración do 50º aniversario da institución provincial. Colaborou na viaxe Caixa Ourense. A expedición estaba formada polos compoñentes da CORAL DE RUADA e Victorino Núñez (presidente da Deputación), José Posada (presidente do consello de administración de Caixa Ourense) José Ramón Vázquez (tenente de alcalde do Concello de Ourense), Xaquín Lorenzo “Xocas” (académico da RAG) e varios periodistas e convidados.
A expedición sae de Ourense 25 de abril e chega ó aeroporto arxentino de Ezeiza o día 26, sendo recibidos no propio aeroporto por máis de mil persoas.
O 27 de abril ten lugar a primeira actuación nas instalacións do Instituto Cultural do Centro Galego de Bos Aires, situado en Olivos, ás aforas da capital. Asistiron máis de dez mil emigrantes galegos a esta actuación.
O día 29 a expedición ourensá trasládase a Montevideo, onde foron recibidos no Concello e no Parlamento de Uruguai. Despois de xantar no Centro Galego de Montevideo, trasládanse ó teatro Carlos Brussa onde ofrecen un concerto de arredor de dúas horas ante mil cincocentas persoas entusiasmadas coa presencia da CORAL.
Regreso a Bos Aires e, de seguida, viaxe a Mar de Plata onde actúan na Catedral, o día 1 de maio, para uns trescentos paisanos que aplaudían e choraban sen parar.
Volta a Bos Aires e actuacións o día 2 de maio nun “Teatro Castelao”, do Centro Galego de Bos Aires, ateigado de xente que ocupaba todos sitios posibles (corredores, antesasa, etc..) para escoitar durante dúas horas e media á CORAL DE RUADA.
O día 3, actuación na “Asociación de Hijos del Partido de Carballiño” durante hora e media, ante varios centos de persoas, e cena ofrecida pola citada sociedade nas súas propias instalacións.
Na estancia es Bos Aires, os membros da CORAL puideron saudar ó excoralista e gran actor “Tacholas”.
Despois dunha xeira esgotadora, pero moi exitosa, a expedición iniciou camiño de regreso no aeroporto de Ezeiza o día 4 de maio, chegando a Ourense o día seguinte.
Nova viaxe a Vila Real (Portugal).
Nese ano non todo foron boas noticias, xa que pouco despois de chegar de América falecen en accidente de tráfico os xoves coralistas Samuel Vázquez (fillo de Samuel Vázquez e Eva López, tamén coralistas) e Alfonso Gil. Un duro golpe para tódolos coralistas.

1987
A primeiros de ano, o director, Manuel de Dios, manifesta a súa intención de deixar a CORAL nas próximas semanas. A Xunta de Goberno pídelle que reconsidere a decisión e, se a decisión é firme, que a pospoña para poder atopar un sucesor idóneo.

1988
A primeiros de 1988, unha nova noticia luctuosa se abate sobre a CORAL DE RUADA, xa que falecen en accidente de tráfico as coralistas, e fillas de Manuel de Díos, Digna e María de los Ángeles. Este acontecemento constituíu, loxicamente, un duro golpe para o director que, tendo en conta a súa intención de abandonar a CORAL, deixa de asistir ós ensaios, encargándose provisionalmente dos mesmos o coralista Juan Feijóo Soto “Juanín”. Finalmente, Manuel de Dios regresa e continúan os ensaios, aínda que algunhas veces o director non se sentía con ánimos e non acudía ós mesmos.
O día 21 de abril a CORAL DE RUADA acude ó Instituto “Otero Pedrayo”, onde era profesor o director, para ofrecer un concerto co gallo do centenario do nacemento do escritor. Foi un concerto moi emotivo, con grandes ovacións, porque se trataba do regreso do director.
O ano transcorre do mesmo xeito que nas últimas semanas, é dicir, ensaios intermitentes e ningunha actuación.

1989
Continúa a situación de incerteza e realízase soamente unha actuación en Ourense, tres saídas por Galicia (Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol) e unha saída a Salamanca.

1990
A CORAL DE RUADA recibe o Pedrón de Ouro.
Na asemblea de febreiro, o director segue a insistir en dimitir.
Realízase unha actuación en Ourense e outra en Xunqueira de Ambía. Nesta última prodúcese un percance que, en condicións normais non tería maior relevancia, entre o director e un veterano coralista. Como consecuencia prodúcese a dimisión definitiva de Manuel de Dios.
Esta dimisión desencadea unha serie de acontecementos: éxodo dunha importante parte dos coralistas, dimisión da Xunta de Goberno, convocatoria de asembleas xerais e nomeamento dunha Xunta Xestora e, posteriormente dunha Xunta de Goberno presidida polo coralista Francisco Domínguez.
 © Coral de Ruada | 14-12-2017 | 1 usuarios activos   | Confidencialidade ACV Galaica